Que é SUB TERRA AQUAE?

SUB TERRA AQUAE é un espazo, visitable e accesible, que conserva e difunde un fragmento dunha cloaca romana da antiga Lvcvs Avgvsti.

A musealización da cloaca romana forma parte da estratexia “Muramiñae, da Muralla ao Miño”, un programa financiado polo Concello de Lugo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que inclúe a posta en valor do patrimonio histórico e cultural do barrio do Carme.

Onde estamos?

No século IV d.C., a cidade de Lucus Augusti coñecerá importantes reformas urbanísticas, motivadas principalmente pola construción dunha gran muralla defensiva, que contaba con 85 torres e cinco portas, situadas nas vías principais de acceso á cidade.

Atopámonos fóra das murallas da cidade, á saída dunha das súas portas principais, a Porta Miñá. Fóra de murallas tamén se desenvolvía a vida urbana, con zonas de talleres artesanais ou edificios residenciais, que se localizaban ao longo das vías de acceso.

Agora mesmo estamos situados a nivel da calzada pola que os habitantes de Lucus Augusti descendían ata o río e os baños termais localizados na beira esquerda, e cuxo traxecto se mantivo ao longo da historia fosilizado nun vello camiño que recibe o nome de Rego dos Hortos e Calzada da Ponte.

A cloaca e a Vía XIX

No punto onde nos atopamos localízase a saída natural desde a cidade cara ao río Miño. Desde Porta Miñá e descendendo pólas Costas do Carme, establécese a conexión entre a cidade romana e o río.

Por aquí entraba a vía romana XIX do Itinerario de Antonino, que comunicaba Lucus Augusti con Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), a cal se inaugurou no ano 11 da nosa era. Ao entrar na cidade pola Porta Miñá, a vía XIX convertíase no decumanus maximus, unha das rúas principais que conducía ao foro, na parte alta da cidade, a praza central na que se concentraba a vida política, social e relixiosa da urbe romana.

O tramo da cloaca conservado evidencia que esta sae da cidade pola Porta Miñá, discorre baixo a vía e vertería as súas augas residuais no río Miño, seguindo o Regueiro dous Hortos.